Senior Masculino

Ulla Oil – EDM A Estrada 56-60 CB Noia O Churrasco do Floro

Tanteo por cuartos: 20-5/8-14/17-15/11-26

Partido xogado o sábado na Estrada durante a tarde noite entre o CB Noia O Churrasco do Floro e o Ulla Oil – EDM A Estrada, que se enfrontaban na ida da eliminatoria que decidirá quen é o terceiro clasificado da 3ª División Senior masculina no grupo de Santiago e que rematou ca vitoria dos noieses.
Un partido que comezou cun retraso de 40 minutos pola tardanza do equipo arbitral (que viña doutros compromisos) e no que os locais comezaron cunha moi boa dinámica, anotando tras boas defensas do conxunto noiés, mentres que estes mantiñan un bo nivel de organización en ataque e defensa, pero con escaso acerto. Isto levou a unha diferencia de 15 puntos para os locais ao final deste primeiro periodo, 20-5.
No segundo cuarto os nosos foron quen de achegarse no marcador mantendo un bo nivel ofensivo e un gran traballo en defensa que derivou nun marcador ao descanso de 28-19.
A segunda metade tivo dous momentos ben diferenciados. O terceiro cuarto foi de ida e volta, cos visitantes traballando o contrataque con facilidade para anotar e os locais buscando vantaxe no xogo estático baseándose na súa superioridade física, levando a estes últimos a ampliar a distancia no luminoso en 2 puntos, 45-34.
No último cuarto a superioridade dos noieses foi máis que evidente. A base de contrataques e triplas que non entraron no resto do encontro deuse un festival ofensivo por parte do conxunto noiés que rematou cunha tripla de Xandre para poñer aos visitantes por diante no marcador por primeira vez no encontro a falta 24 segundos para o remate do partido. Finalmente o partido morreu nos tiros libres deixando unha diferenza de 4 puntos a favor dos nosos, 56-60.
A próxima semana o conxunto da costa deberá defender esta diferenza de 4 puntos se queren facerse ca terceira posición final nesta tempada para rematar a competición cunha vitoria na casa fronte á nosa afección.
Xogaron e anotaron:
Adrián–> 22 puntos
Mateo–> 14 puntos
Xandre–> 13 puntos
Martín Ogando–> 6 puntos
Kike–> 3 puntos
Unai–> 2 puntos
Hugo

Leave a Reply