Cadete Femenino

Peleteiro 47-42 CB Noia Autos Patiño

Tanteo por cuartos: 9-11/16-11/15-8/7-12

Derradeiro partido da liga regular para o noso cadete feminino que se xogaba a primeira posición da clasificación fronte a Peleteiro nun duelo final entre os lideres da competición e que se levaron as santiaguesas nun final axustado.
O partido pintaba mal de inicio polas baixas que presentaban as noiesas, con só 6 xogadoras dispoñibles para o partido, pero isto non impediu un bo arranque por parte das nosas que lles permitiu poñer as primeiras vantaxes no electrónico. No segundo cuarto varios erros en ataque xunto con certos problemas no rebote fixeron que as locais impuxeran o seu ritmo e aproveitaran segundas opcións en ataque, indo ao descanso cun 25-22.
O terceiro cuarto foi un calco do segundo, coas locais moi acertadas nos lanzamentos de media distancia e cas nosas acusando o cansancio debido á escasa rotación por falta de xogadoras. Aínda así as noiesas non lle perderon a cara ao encontro e no último cuarto foron quen de apretar ás santiaguesas cunha gran defensa e acercándose no marcador, reducindo unha vantaxe de 16 puntos en contra, a tan só 3. Pero finalmente, o desacerto nas últimas decisións e lanzamentos por parte das visitantes, decidiron o partido a favor das locais cun 47-42.
E con isto acaba a participación na liga regular do noso cadete feminino cunha meritoria segunda posición, cun balance de 14 vitorias e 2 derrotas. Agradecer a todas as xogadoras o esforzo e o sacrificio que fixeron ata o final, pese a dispoñer solo dun cambio durante o partido, demostrando un gran compromiso e gañas de competir por parte das alí presentes.
Xogaron e anotaron:
Elena–> 16 puntos
Noa–> 10 puntos
María–> 6 puntos
Sara–> 6 puntos
Andrea–> 4 puntos
Candela
Lía

Leave a Reply